







A finca de Goiáns ocupa unha superficie próxima aos cento vinte mil metros cadrados e delimita ao sur coa ensenada do río Coroño.
No seu interior acolle numerosos elementos de interese. Entre eles destaca a torre anexa á residencia pacega, símbolo para Boiro e como tal incorporado ao seu escudo. Outros dos elementos deste conxunto son a capela, os lagares, o pombal, o hórreo, as pesqueiras e o embarcadoiro.
A Casa de Goiáns constitúese como morgado no mil cincocentos cincuenta e dous, momento no que o seu patrimonio quedou vinculado indisolublemente.
Os fundadores do morgado foron os Mariño, uns fidalgos que lograron medrar socialmente grazas a un proceso de ampliación patrimonial cimentado na acumulación de rendas agrarias por diferentes vías; dotes, compras, herdanzas e, entre as máis importantes contratos forais.
A escritura máis antiga onde se fala da casa de Goiáns, data do mil trescentos vinte e un, momento no que tamén tiñan outras terras en Boiro, Ribeira, e a metade da illa de Sálvora.
A residencia fidalga presenta unha planta curiosa en forma de ele, moi sobria que se afasta dos canons dos pazos barrocos do litoral. No escudo que atopamos enriba da porta que da ao patio, podemos distinguir no primeiro cuadrante as ondas do mar representando a familia Mariño fundadora do Morgado de Goiáns no mil cincocentos cincuenta e dous.
A vella torre con carácter de fortaleza está datada no século quince ou antes. Pódese dicir que a Torre é un dos elementos principais e máis antigos do Pazo sobre a cal se constrúe todo o inmoble en forma de ele. O estilo que vemos actualmente é do século dezaoito cando a Torre sufreu unha gran reforma, sendo a balaustrada da terraza do século dezanove.
As estancias do interior da torre están cubertas por bóveda de cruzaría e para acceder á terraza hai que ascender por unas estreitas escaleiras.
Na fachada leste do Pazo está a porta principal que daría ao chamado xardín nobre onde se atopaba o típico xardín francés simétrico onde prima a decoración a través de flores e setos. Inda se pode ver unha fonte redonda no centro que anteriormente tiña a estatua dunha serea, vinculada coa lenda dos Mariño e a Illa de Sálvora. Na zona sur do xardín vemos un cenador de pedra que antigamente tiña no centro un recipiente de pedra con auga.
Como árbores exóticas deste xardín, destacan: dous aguacates, unha palmeira (anteriormente había dúas), un brachichito, unha epecie de orixe australiana e unha laranxeira americana ,unha árbore moi rara que da un froito con aroma a laranxa pero que realmente non é da familia dos cítricos.
Na zona do patio principal, detrás do muro da dereita, atopamos dúas grandes camelias xapónicas xunto a un caqui, e detrás podemos ver unha camelia sasanqua de apróximadamente cen anos que chama a atención sobre todo polo seu grande porte, pouco común nesta especie.
Preto do estuario atopamos un bosque autóctono composto por carballos de máis de cen anos, loureiros, abeleiras e ruscus, un arbusto protexido que da un froito redondo e vermello do que se alimenta a pita do monte.
Pero sen dúbida unha árbore que chama especialmente a atención na finca, é a impresionante sobreira de uns tres centos anos que se atopa ao lado da porta do embarcadoiro.
O Pazo de Goiáns goza dunha situación privilexiada ao contar con acceso directo ao mar a través do embarcadoiro e coa conservación parcial das antigas pesqueiras.
O embarcadoiro foi clave nos intercambios comerciais xa que por aí entraban víveres, material de construción, mercadorías; e tamén saía o gando que ía ata Sálvora, o viño que se enviaba con regularidade aos seus donos de Santiago e Ferrol, e as ostras que se cultivaban no propio esteiro e se levaban a diferentes mosteiros como dote das fillas da Casa.
Pesqueiras: No estuario do Río Coroño inda se poden apreciar restos dos muros das antigas pesqueiras que serviron de abastecemento continuo de peixe fresco para o Pazo.
A finais do século dezaoito a casa de Goiáns, tiña unha produción vitivinícola moi importante, chegando a obter máis de quince mil litros de viño. Esta inmensa produción, obrigaba a ter uns lagares para o prensado da uva e unha adega, onde se gardaba o viño embotellado.
Viño despachado na súa maioría nas dúas tabernas que tiñan na parroquia de Lampón; e unha pequena cantidade enviábase ás residencias dos señores, sobre todo á principal de Ferrol.
A Capela foi fundada en torno ao mil seiscentos trinta por don Jorge Varela de Castro Sotomayor e inicialmente consagrouse ao culto de San Xurxo. Correspóndese cunha capela de nave única sen transepto, pequena pero suficiente para acoller aos que antano accedían a ela, os señores da casa, criados e caseiros. Os señores accedían directamente á capela por unha pasarela porticada con pasamán e cuberta para evitar sair ao exterior e protexerse da climatoloxía adversa.
Na etapa dos últimos habitantes do pazo, os veciños recordan a imaxe de San Cristobal, a de San Joaquín, a de San Amaro e unha talla un pouco máis grande da Virxe da Boa Viaxe.